RESUMO - REFLEXIÓN DO MÓDULO 1

Para iniciar esta actividade  na que o obxectivo é interrelacionar, a modo de resumo, os contidos traballados na aula coa nosa tarefa como orientadoras e orientadores, paréceme interesante realizar unha pequena reflexión sobre as funcións asociadas ao perfil profesional de orientación laboral para exercela de xeito óptimo. Deste xeito, podemos falar das seguintes tarefas:


 

1. Habilidades sociais e persoais para a comunicación. Neste aspecto creo que a escoita activa e as habilidades para manter a empatía coa persoa usuaria son fundamentais.

2. Coñecemento e manexo da lexislación, normativa e recursos específicos sobre o emprego.

3. Dominio de metodoloxía didáctica para traballar as diferentes técnicas de acceso ao emprego e autoemprego, coa finalidade de que a aprendizaxe resulte realmente significativa.


4. Habilidades para o traballo colaborativo e a creación de sinerxias profesionais. Neste caso destacaría as competencias para realizar derivacións, traballar en equipo (participando no deseño de actuacións conxuntas ou creando protocolos de actuación) e crear unha rede profesional de intercambio de información e apoio mutuo.

5. Dominio de habilidades para, de xeito transversal,  traballar as actitudes coas persoas usuarias do servizo. Este aspecto paréceme de vital importancia xa que, dende a miña opinión,  a actitude que se manteña  ante a Busca Activa de Emprego vai condicionar os resultados que se obteñan. Así mesmo, o apoio na toma de decisións axudando á persoa usuaria a establecer de xeito obxectivos os "pros" e os "contras".

6. Análise de perfís profesionais e realización de tarefas de prospección de emprego. As habilidades que engloba esta dimensión fan referencia a tarefas como coñecer as competencias asociadas a cada perfil profesional, coñecer o tecido empresarial do entorno e os sectores produtivos con maior peso ou elaborar bolsas de emprego coas ofertas da zona.

7. Actualización permanente procurando estar ao día en canto a novos contidos, servizos e normativa legal relacionada co emprego, así como novas técnicas e recursos para a busca activa de emprego.

8. Manexo das novas tecnoloxías da información e a comunicación. Nun entorno social tan cambiante como o actual é imprescindible desenvolverse neste ámbito (tanto aplicando estes coñecementos a nivel profesional como  motivando ás persoas usuarias dos servizos de orientación a beneficiarse  do seu uso na busca de emprego). Sempre tendo en conta que a "teleorientación" probablemente non estea moi  lonxe....

9. Deseño de Proxectos de Inserción Laboral,  de  accións formativas para  a mellora da busca activa de  emprego ou autoemprego e de Itinerarios Personalizados de Inserción.

Tendo en conta todas estas tarefas asociadas ao exercizo da Orientación Laboral dun xeito integral,  a totalidade  dos contidos traballados durante o MÓDULO 1 teñen cabida. Así podemos establecer as seguintes relacións:

TEMA 1: MARCO DE REFERENCIA DA ORIENTACIÓN LABORAL ABERTA

Neste primeiro tema traballánronse aspectos relacionados coa organización, estrutura e competencias do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).  Ambos servizos son recursos imprescindibles para o colectivo de persoas en desemprego, polo que se require  un coñecemento profundo deles.

Por outra banda analizouse o marco institucional actual da política de emprego tanto estatal, facendo fincapé no Plan Anual de Política de Emprego (PAPE), a Estratexia de Activavión para o Emprego e o Plan Anual de Reformas de España 2017, como europea  nomeando a Estratexia Europea de Emprego 2020 e os ámbitos de desenvolvemento das políticas activas de emprego. Este marco constitúe a folla de ruta que debe marcar o noso traballo como orientadoras e orientadores, polo que é de vital importancia.



TEMA 2: O MERCADO LABORAL

Neste apartado tocáronse varios aspectos que fan referencia ao mercado de traballo: os elementos que o compoñen, os indicadores empregados e os tipos de desemprego. Por outra banda, tamén se aportou información xeral sobre o traballo por conta propia e por conta allea  e  sobre as axudas e subvencións á creación de emprego. Pero, dende a  miña perspectiva o bloque máis importante é o que fai referencia ao mercado de traballo actual: a normativa de traballo, os novos xacementos de emprego e os perfís profesionais da oferta de emprego. En relación a este útimo ámbito, considero que un servizo de orientación laboral de calidade debe analizar os perfís e competencias que as empresas requiren para cubrir os seus postos de traballo favorecendo a empregabilidade das persoas usuarias.






TEMA 3: CERTIFICACIÓN E FORMACIÓN PROFESIONAL

Deste tema destacaría a diferencia entre cualificación profesional e competencia profesional como base para establecer un correcto marco conceptual. Como persoal orientador, un dos nosos labores é asesorar sobre a acreditación de competencias profesionais, polo que este é un ámbito que debemos coñecer ben.  Os certificados de profesionalidade, son de vital importancia xa que permiten homoxeneizar as competencias profesionais das persoas traballadoras que foran adquiridas dende a ecperiencia profesional, a Formación Profesional para o Emprego ou dende a Formación Profesional Inicial.
Neste senso, o feito de tratar os requisitos e o procedemento para acreditar as competencias así como os  recursos relacionados (o Sistema Nacional das Cualificacións ou o Instituto Galego das Cualificacións) e  a estrutura e contidos dos Certificados de Profesionalidade pareceume do máis práctico.

TEMA 4: POLÍTICA SOCIAL E DE EMPREGO NA UNIÓN EUROPEA

Nun entorno onde a mobilidade laboral cada vez é maior, coñecer as institucións e organismos comunitarios en materia de emprego é un requisito fundamental para os profesionais da Orientación Laboral. Dende o meu punto de vista, o bloque máis interesante deste tema foi o relacionado coa Rede EURES: Rede Europea de Servizos de Emprego, xa que proporciona información, orientación e asesoramento a aquelas persoas que se atopan en busca activa de emprego e contan con mobilidade xeográfica. Outros dos recursos tratados foron os seguintes:


EURAXESS (Rede Investigadora Europea).
EPSO (Oficina interinstitucional encargada dos procesos de selección de persoal nas diversas entidades europeas, así como as prácticas profesionais en ditas institucións).
EUROPASS (recurso que permite recoller as competencias profesionais dun xeito transferible aos diferentes países da U.E.)
EURYDICE (Portal Europeo de Información sobre Educación, nel podemos obter información sobre estudos, tanto formais como informais )





 
TEMA 5: INICIATIVA EMPRENDEDORA COMO FORMA DE ACCESO AO MERCADO LABORAL
Tendo en conta que no noso quefacer diario como profesionais dun servizo de Orientación Laboral a opción do autoemprego é unha das que se baralla, coñecer os beneficios sociais do emprendemento é unha das mellores formas de motivar ás persoas con ideas empresarias. Neste aspecto, coñecer os aspectos esenciais do proceso de creación de empresas, así como as claves para asesorar a este colectivo constituiu un dos contidos clave deste útimo tema do Módulo I.
 
 











 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Sinatura invitada: Marta Diz

PRESENTACIÓN PROFESIONAL DE MÓNICA REINALDO LUSQUIÑOS

PRESENTACIÓN PROFESIONAL DE SONIA OTERO FRESCO